Samstag, Juli 01, 2006

Emisións Silentes



Por mor da idade avellentada deste Conde xermánico, e sempre que o permita Herr Alzheimer, a memoria, esa caprichosa "fräulein", ainda lembra con saudade os bos tempos nos que ao "Schloss" chegaban, ademáis de agasallos desinteresados dos servos sen esquecer tampouco as suas cotas irrenunciavéis das taxas varias, emisións de cinema silente.

Nestes días modernos, o simple feito de que as clases dispares sociais, mesmo as ordinarias, poidan recibir e ollar cinema mudo, é un feito sorprendente e extraordinario e por iso mesmo, un acontecemento que deber ser celebrado ( este aristócrata xa ten a mellor bottella de Porto da adega aristocrática, preparada e baixo chave, pois a servidume tamén gosta do alcól xermánico... ) pra tan selecto acto silente ) ademáis de dar os parabéns a, neste caso a televisión melenuda TVG, por ofrecer un digno ciclo adicado á obra máis representativa do grande Herr Charles Chaplin, unha cita ineludível que comeza hoxe a altas horas aristocráticas e que todo cinéfilo en idade de merescer ( sobretodo os xoves, pois ainda que vostedes nó crean, mesmo Herr Chaplin é descoñecido entre as novas xeracións de melenudos ) debe ollar de xeonllos, esas posturas ás que vostedes están tan afeitos.

Eiquí teñen vostedes a lista xermánica completa e silente, dese ciclo silente adicado a Herr Chaplin que poderán ollar a partires de hoxe, Samstag 1, na devandita televisión melenuda:

- "Shoulder Arms" (1918)
- "Sunny Side" (1919)
- "The Kid" (1921)
- "The Idle Class" (1921)
- "Payday" (1922)
- "The Gold Rush" (1925)
- "The Circus" (1928)
- "City Lights" (1931)

Ainda que non sexa moi apropiado facer estas declaracións pra un Conde xermánico que se precie, este ciclo "Chapliniano" é un belo acto subversivo ( e non esas Revolucións tan ordinarias súas... ) un feito que debería ser habitual nunha canle pública que pagan todos vostedes ( a aristocracia queda eximida de taxas modernas ) espallando cultura silente, ese cinema que fai moitos anos que ficou desterrado das súas grellas modernas en troques da mais absoluta e vergoñante ordinariez, esa que sinte éste Conde xermánico cada vez que comproba nunha "soirée" coma unha gorda xermánica leva o fru-frú desencaixado e arrastro pola "salle de bal".

E agora se me permiten teño que deixalos momentáneamente, pois este Conde xermánico ten que situar a Günthell no alto do outeiro do "Schloss" coma antena aristocrática.

Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

2 Kommentare:

Anonym hat gesagt…

Hai uns días eu mesmo tentei facer memoria de se algunha vez puxeran algo silente na canle galega, a nivel estatal eran frecuentes anos atrás pero nestes días son tamén inexistentes (seguro que na videoteca de tve hai pezas moi interesantes que merecen ser rescatadas pero os "sabios" xa se pronunciaron e elixiron toros e telenovelas).

Bo comezo é este ciclo contra Chaplin, as novas xeracións que teñen conciencia da existencia dun cine anterior ó sonoro (non moitos individuos por outra banda) coñecen pouco menos que a figura de Charlot e máis por referencias culturais que polos filmes en si. Gustaríame que non se pechase este súbito interese da tvg polo silente en Chaplin e continuara a ser posible con títulos europeos (Murnaus, Sjöströms, Dreyers, Langs, Pabsts...) aínda que parece máis factible que prosigan con Lloyds e Keatons (benvido será de todas maneiras). O máis probable será que a relación galega co silente morra neste ciclo de Chaplin pero postos a soñar...

Son da opinión de que a emisión de cine silente nas canles públicas é obrigada aínda que sexa a altas horas da madrugada cando o mundo descansa silente.

Espero poñerme en contacto con este o noso conde silente en vindeiros días para un novo intercambio.

Melenudos saúdos.

Ferdinand Von Galitzien hat gesagt…

Mein lieber Herr Holm:

Pois este Conde xermánico ten coma última referéncia silente emitida por esa canle melenuda ( e non fai falla remontarse desta vez aos tempos da República de Weimar ), o filme "Umarete Wa Mita Keredo" ( Eu Nacín, Pero... )emitido durante un recente ciclo adicado ao diretor xaponés Herr Yasujiro Ozu.

Noutrora, a TVG, desta vegada sí que cáseque nos tempos de Weimar e un pouquiño antes da chegada de Atila ao seu País..., ten emitido cine silente e... mesmo no serán!!... ( hoxendía iso sería considerado todo un acto subversivo por eses sabios que vostede citaba anteriormente, que calificarían esa medida coma perigosa pra as mentes infantís que puideran ollar eses filmes silentes a esas horas... ) coma poidan ser as célebres series cómicas da "Lobsters Comedies", ainda que non ten constáncia da emisión de longametraxes durante os últimos anos.

Serían excelentes novas que a TVG apostase por emitir cinema silente pra diferenciarse da estulticia actual ( dende logo a programación desa canle melenuda é infinitamente mellor agora que nos tristes tempos de Atila ), ofrecendo aos cinéfilos xoves a posibilidade de ollar e coñecer as grandes obras mestras do cinema silente, ainda que sexan desta vegada clásicos coma Chaplin, feito éste que debería ser habitual na grella dunha canle pública que vostedes pagan con taxas desorbitadas, esas mesmas que esixe éste Conde xermánico á súa servidume, tal e coma facía outrora a outra canle melenuda estatal con excelentes e irrepetíveis ciclos de cinema de Lang ou Lubitsch.

Este seu Herr Von agarda impaciente esas prometidas novas súas sobre un novo intercambio interclasista entre estas dúas clases sociais tan dispares, agardando que vostede sexa discreto e non edite estes flirteos antinatura no boletín do Politburó, pois sempre podería chegar a enterarse algunha gorda teutona ( ainda que sexa isto bastante improvável pois ademáis de non ser certamente comunistas esas grasas fräuleins, non gostan de lecturas complicadas... ) e iso sería un grande escándalo e motivo de escarnio pra éste conde xermánico na vindeira "soirée" á que asistise.

Herr Graf Ferdinand Von Galitzien